A Fundación Amancio Ortega é unha institución sen ánimo de lucro nacida da experiencia do seu fundador e o seu desexo de contribuír a unha sociedade mellor. A Fundación deseña e xestiona proxectos acordes coa estratexia determinada polo seu padroado, presidido polo seu fundador.

Os seus programas comparten o obxectivo de crear oportunidades para os seus beneficiarios, actuando prioritariamente en dous sectores vitais para unha vida de calidade: a educación e o benestar social.

Na área educativa, a Fundación activa recursos que facilitan aos participantes nos seus proxectos, crecer individualmente e enriquecer a súa contorna. Na área asistencial, a Fundación Amancio Ortega leva a cabo tanto accións de xestión propia como colaboracións con institucións consolidadas na dedicación constante en beneficio de persoas e colectivos máis vulnerables.

No desenvolvemento da súa actividade, a Fundación Amancio Ortega asigna recursos de capital, traballo e coñecemento a cada unha das súas liñas de actuación. Todas as súas accións veñen precedidas dun traballo previo de identificación, valoración e selección de proxectos. Os seus programas desenvólvense nun marco temporal determinado, con metas e obxectivos definidos, e a súa execución vén acompañada dun estrito seguimento e control de resultados.