Código de investimentos

A Lei do Mercado de Valores, texto refundido aprobado polo Real Decreto Lexislativo 4/2015, de 23 de outubro, na súa Disposición Adicional Quinta (Restricións relativas aos investimentos financeiros temporais de entidades sen ánimo de lucro), dispón que A Comisión Nacional do Mercado de Valores, o Banco de España e o Ministerio de Economía, cada un no ámbito da súa supervisión, aprobarán códigos de conduta que conteñan as regras específicas ás que deberán axustarse os investimentos financeiros temporais que fagan as fundacións, establecementos, institucións e asociacións sen ánimo de lucro, colexios profesionais, fondos de promoción de emprego, mutuas de seguros, mutualidades de previsión social, mutuas colaboradoras coa Seguridade Social e, no seu caso, as demais entidades suxeitas a tipos de gravame reducidos no Imposto sobre Sociedades, que non teñan un réxime específico de diversificación de investimentos co fin de optimizar a rendibilidade do efectivo de que dispoñan e que podan destinar a obter rendementos de acordo coas súas normas de funcionamento.

Este precepto procede da Lei 44/2002, de 22 de novembro, de Medidas de Reforma do Sistema Financeiro, con base no que a Comisión Nacional do Mercado de Valores (en diante, a "CNMV"), mediante acordo de 20 de novembro de 2003, aprobou un código de conduta das entidades sen ánimo de lucro para a realización de investimentos financeiros temporais. Pola súa parte, o Banco de España, mediante acordo do Consello de Goberno de 19 de decembro de 2003, dispuxo que dito código se aplicase nos mesmos termos aos investimentos financeiros temporais das entidades sen ánimo de lucro en forma de depósito, préstamo, cesión temporal de activos financeiros ou outras análogas que levasen aparellada a obriga de restitución e que non estivesen suxeitas ás normas de ordenación e disciplina do mercado de valores.

O Consello da CNMV, na súa reunión do día 20 de febreiro de 2019, aprobou un novo código de conduta relativo aos investimentos temporais das entidades sen ánimo de lucro (BOE nº 55, de 5 de marzo de 2019) que substitúe o aprobado polo propio Consello o 20 de novembro de 2003.

O código de conduta da Fundación Amancio Ortega Gaona (en diante, a "Fundación") para a realización de investimentos financeiros temporais expresa o compromiso da Fundación coa adecuada selección dos seus investimentos financeiros temporais, valorando a seguridade, liquidez e rendibilidade que ofrecen as distintas posibilidades de investimento. Este compromiso é, ademais, esixencia do artigo 15.2 da Lei 12/2006, de 1 de decembro, de fundacións de interese galego, que establece que Corresponde ao padroado cumprir os fins fundacionais e administrar con dilixencia os bens e dereitos que integran o patrimonio da fundación, mantendo o rendemento e utilidade dos mesmos.

Co fin de dar cumprimento ao previsto nas normas citadas e regular a política de investimentos financeiros, o Padroado da Fundación decidiu aprobar o seguinte código de conduta (en diante, o "Código").

Ámbito de aplicación

A Fundación foi dotada polo seu fundador cunha cantidade de diñeiro en metálico, ademais de recibir donativos destinados a facer fronte aos proxectos que leva a cabo, e obtén os ingresos que permiten desenvolver a actividade fundacional investindo os fondos en diferentes activos financeiros.

O presente Código é aplicable aos investimentos financeiros temporais que a Fundación realice tanto da dotación fundacional, como dos donativos recibidos en tanto non se apliquen aos proxectos aos que van destinados.

Aos efectos do presente Código, consideraranse investimentos financeiros temporais calquera investimentos en instrumentos financeiros, con excepción dos seguintes:

  • Os investimentos que estiveren suxeitos a restricións á libre disposición por virtude do título fundacional, dos estatutos da Fundación ou da normativa que for de aplicación.
  • A parte do patrimonio da Fundación que provir de achegas efectuadas polo fundador, por doantes ou por asociados con suxeición a requisitos de non disposición ou con vocación de permanencia.

Aos mesmos efectos, teñen a consideración de instrumentos financeiros os recollidos no Anexo de instrumentos financeiros da Lei do Mercado de Valores, ao que se remite o seu artigo 2.

Medios e organización

A Fundación contará con medios humanos e materiais e con sistemas para a selección e xestión dos seus investimentos en instrumentos financeiros que sexan adecuados e proporcionados ao volume e natureza dos investimentos que realice ou pretenda realizar.

O Padroado designará entre os seus membros, por un período de tres anos renovable por sucesivos períodos de igual duración, a un deles como responsable dos investimentos financeiros da Fundación, coas finalidades de supervisar a selección de investimentos, velar polo cumprimento deste Código e elaborar o informe que anualmente deberá remitirse ao Protectorado sobre o cumprimento do mesmo. O responsable dos investimentos financeiros deberá ter coñecementos técnicos e experiencia suficientes para o desempeño da súa función; se non os tivese, ou se a pesar de telos o considerar conveniente, poderá propor ao Padroado a contratación de asesoramento profesional externo por terceiros que ofrezan garantías de competencia profesional e independencia e que non estean afectados polos conflitos de interese.

Na medida en que a carteira de investimentos tiver un valor superior aos dez millóns de euros, constituirase un Comité de Investimentos integrado por un mínimo de tres membros, dos que, ao menos, contarán cos coñecementos técnicos e experiencia suficientes para a función desenvolvida, que deberá reunirse regularmente, como mínimo catro veces ao ano coa misión de asistir o responsable dos investimentos financeiros na selección daqueles que foren aptos de acordo co previsto no presente Código. O responsable dos investimentos financeiros formará parte de dito Comité e ostentará a condición de presidente do mesmo.

Na medida en que a carteira sea significativa, tamén se contará cunha función de control interno, que deberá ter suficiente autoridade e independencia e desenvolverse por persoal con coñecementos adecuados ou delegarse en entidades especializadas, para comprobar o cumprimento da política de investimentos e asegurar que a Fundación conta en todo momento cun sistema adecuado de rexistro e documentación das operacións e de custodia dos investimentos.

Política e selección dos investimentos: principios e límites

Para a selección dos investimentos da Fundación en instrumentos financeiros valorarase a seguridade, liquidez e rendibilidade que ofrezan as distintas posibilidades de investimento, vixiando que exista o necesario equilibrio entre estes tres obxectivos e atendendo ás condicións do mercado no momento da contratación, para o que se terán en conta os seguintes principios:

Principio de coherencia

A estratexia de investimento deberá ser coherente co perfil e a duración das obrigas asumidas pola institución e coas previsións de tesourería.

Principio de liquidez

Como regra xeral, investirase en instrumentos financeiros suficientemente líquidos. Todos os investimentos financeiros da Fundación realizaranse en mercados secundarios organizados de países integrantes da Unión Europea ou dos Estados Unidos de América, que garantan a liquidez dos investimentos. Deberase ter en conta a profundidade do mercado dos valores ou instrumentos financeiros nos que se invista considerando o volume de contratación habitual. A Fundación manterá en todo momento un coeficiente de liquidez, en contas correntes ou depósitos á vista, por un importe equivalente ao 0,5% do total dos investimentos financeiros.

Principio de diversificación

A Fundación diversificará os riscos correspondentes aos seus investimentos, seleccionando unha carteira composta por unha pluralidade de activos non correlacionados entre si, de distintos emisores e con diferentes características desde o punto de vista do seu risco.

Principio de preservación do capital

A política de investimento dará prioridade á preservación do capital. A política de investimentos da Fundación non debe ser especulativa e, en consecuencia, as operacións non se deseñarán para obter plusvalías coas flutuacións dos mercados a curto prazo nin se realizarán con endebedamento. Os produtos financeiros contratados pola Fundación deben ter como contraparte emisores pertencentes a países da OCDE e cunha cualificación de risco crediticio nunca inferior a BBB- ou Baa3, salvo emisións do Estado español, que poderán ser contratadas en todo caso.

A Fundación poderá materializar os seus investimentos nos produtos que se indican a continuación:

  • Débeda Pública, na que se inclúen bonos do Estado, obrigas do Estado, notas promisorias do Tesouro, letras do Tesouro e calquera emisión de títulos de renda fixa da cal o emisor sexa un Goberno.
  • Depósitos bancarios e operacións de adquisición temporal de activos, incluíndo os depósitos en entidades financeiras e as adquisicións temporais de activos con estas entidades.
  • Participacións en Fondos de Investimento en activos do Mercado Monetario e en Fondos de Investimento de Renda Fixa (aqueles que materialicen os seus investimentos en activos do mercado monetario en, ao menos, o 70% e o resto en renda fixa) e Fondos de Investimento Mobiliario. Non se tomarán participacións en fondos de investimento que invistan parte da súa carteira en renda variable.
  • Activos de Renda Fixa, incluíndo calquera emisión de empréstitos e titulizacións por parte de sociedades de calquera tipo.

Todos os produtos financeiros contratados pola Fundación estarán denominados en euros como criterio xeral. Poderanse contratar produtos denominados noutras moedas dos países membros da OCDE cando a Fundación deba efectuar pagamentos en ditas moedas. Non obstante, a contratación deste tipo de operacións non deberá superar o 15% do importe da dotación fundacional.

A Fundación non investirá en produtos de renda variable nin en produtos derivados (opcións, futuros, SWAPS, FRAS, IRS ou similares), salvo os que estean destinados a reducir o risco de tipo de cambio da Fundación en determinadas operacións e estean expresamente autorizados polo Padroado.

Calquera outro título non mencionado anteriormente non poderá ser contratado sen a autorización expresa do Padroado.

A contratación de activos estará sometida aos límites seguintes:

Tipo de título
Límite máximo de investimento sobre a carteira
Límite máximo por emisor sobre a carteira
Débeda Pública 100% 40%
Depósitos bancarios e adquisicións temporais de activos
Participacións en fondos de investimento mobiliario 30% 10%
Activos de renda Fixa
Produtos de renda variable 0%
Produtos derivados
Voltar a parte superior da páxina