Código de Conduta de Provedores

1. OBXECTO

O presente Código de conduta define os estándares mínimos de comportamento ético e responsable que deben ser observados no desenvolvemento da súa actividade por parte dos provedores da FUNDACIÓN AMANCIO ORTEGA GAONA (en diante, a «FAO»), de acordo coa cultura empresarial de cumprimento da FAO, firmemente asentada nos valores, principios e pautas de actuación establecidos no seu Código de conduta e de obrigado cumprimento para todos os patróns, directivos e empregados desta.

A FAO comprométese a pór os medios necesarios para que os provedores coñezan e comprendan o presente Código de conduta e poidan asumir o seu cumprimento.

2. ALCANCE

Todos os provedores da FAO débense adherir ao presente Código, que debe rexer o seu comportamento no desenvolvemento da súa actividade e reflicte o seu compromiso cos principios, valores e pautas de conduta que conforman a cultura corporativa desta.

O presente Código ten en conta o principio de responsabilidade penal das persoas xurídicas recollido no ordenamento xurídico español e prevén e prohibe comportamentos que poidan dar lugar á responsabilidade da FAO.

3. PRINCIPIOS XERAIS DE COMPORTAMENTO

A continuación descríbense os principios, valores e pautas de conduta que son de aplicación para os provedores nos termos descritos no apartado anterior:

3.1. Respecto da legalidade e valores éticos

Os provedores promoverán un comportamento entre os seus traballadores baseado no respecto pola legalidade vixente e os valores e principios éticos.

Os provedores actuarán en cumprimento estrito da legalidade vixente e respectando os principios éticos internacionalmente recoñecidos contidos na Declaración Universal de Dereitos Humanos, rexéndose en todo momento polo respecto dos dereitos humanos e os valores de integridade e honestidade e evitando calquera actuación que poida ser contraria á legalidade vixente.

3.2. Respecto ás persoas e non discriminación

Os provedores tratarán aos seus empregados con dignidade e respecto. Baixo ningunha circunstancia tolerarán ningún tipo de acoso ou discriminación por raza, etnia, cor, nacionalidade, idade, sexo, estado civil, orientación sexual, ideoloxía, afiliación sindical, relixión, situación familiar, discapacidade ou calquera outro tipo de condición, así como calquera conduta intimidatoria ou ofensiva para os dereitos das persoas.

3.3. Compromiso co ambiente
3.3.1. Ambiente de traballo

Os provedores deberán pór a disposición dos seus empregados medios suficientes para o desenvolvemento da súa actividade. Ademais, deberán adoptar as medidas preventivas establecidas na lexislación aplicable para garantir a seguridade e saúde dos seus empregados.

Os provedores deberán respectar a liberdade de asociación sindical e o dereito á negociación colectiva dos seus traballadores, con suxeición á normativa aplicable en cada caso.

Tampouco permitirán ningunha forma de escravitude nin traballo infantil, debendo respectar os principios éticos internacionalmente recoñecidos e disposicións da Organización Internacional del Trabajo (OIT).

Finalmente, respectarán a lexislación e os convenios colectivos de aplicación con relación aos salarios mínimos que deben ser abonados aos seus empregados.

3.3.2. Respecto polo medio

No desempeño da súa actividade empresarial, os provedores adoptarán unha actitude ética responsable que axunte a creación de valor cun desenvolvemento sostible que contemple como principal obxectivo a protección do medio, cumprindo a normativa de aplicación e minimizando o impacto que as actividades empresariais poidan ter sobre o medio.

Os provedores respectarán o medio e desenvolverán a súa actividade minimizando o impacto ambiental derivado do seu exercicio, procurando o uso eficiente de todos os recursos dos que dispoñen.

3.4. Relacións con terceiros

Ó mesmo tempo, nas súas relacións con terceiros, os provedores non deberán aceptar, nin directa nin indirectamente, obsequios nin compensacións de ningún tipo que teñan por obxecto influír de xeito impropio no desenvolvemento da súa actividade, evitando calquera forma de corrupción (corrupción entre particulares, suborno, tráfico de influencias, etc.).

3.4.1. Relacións con terceiros (administracións públicas, empresas e outros axentes do mercado)

Nas relacións coas administracións públicas (de calquera ámbito, local, autonómico, estatal, comunitario e internacional, incluídas as empresas públicas e outras entidades ou organizacións de carácter público), os provedores deberán actuar seguindo uns principios de integridade e honradez, con respecto absoluto ás normas de comportamento que rexen as relacións con organismos e autoridades públicas e rexeitando calquera actuación que se poida vencellar co suborno, o tráfico de influencias ou calquera forma de corrupción.

No transcurso da súa relación coa FAO, ningún provedor poderá ofrecer, conceder, solicitar ou aceptar, directa ou indirectamente, agasallos ou dádivas, favores ou compensacións, en metálico ou en especie, independentemente da súa natureza, a ou de autoridades, organismos reguladores, funcionarios públicos ou calquera persoa que participe no exercicio da función pública.

Ademais, os provedores deberán estar comprometidos co cumprimento da legalidade, prestando a máxima cooperación coas autoridades en todos aqueles asuntos nos que sexan requiridos, incluída a loita contra o branqueo de capitais e o financiamento do terrorismo.

En ningún caso se aceptará que se leve a cabo unha actuación contraria aos principios descritos neste Código que poida comprometer a imaxe da FAO.

Os provedores deberán comprometerse a cumprir a normativa de defensa da competencia, evitando calquera conduta que poida constituír colusión, abuso ou restrición da competencia, actuando nos mercados de forma leal, sen realizar publicidade enganosa nin prácticas denigrantes de terceiros.

3.4.2. Relacións coa sociedade

Os provedores manterán independencia nas súas actuacións. Calquera contribución que, no seu caso, realicen a partidos políticos, autoridades, organismos, administracións públicas e institucións en xeral, farase sempre de acordo coa lexislación vixente, a título persoal e garantindo a súa independencia. En caso de que poida xurdir un conflito de interese con respecto á aceptación dun cargo público, o provedor en cuestión deberá informar da situación ao Órgano de cumprimento da FAO.

3.5. Políticas de información

A FAO considera a información como un dos activos máis valiosos, polo que, dende este Código de conduta, promóvese o seu uso protexido.

3.5.1. Confidencialidade

A escala interna, os provedores terán a obriga de tratar a información á que accedan por razón da súa actividade profesional de forma confidencial e reservada, absténdose de utilizar no seu propio beneficio e de comunicar de calquera maneira, calquera dato, información ou documento obtido durante o exercicio da súa actividade.

A obriga de confidencialidade permanecerá unha vez concluída a relación coa FAO e abranguerá a obriga de devolver calquera material relacionado con esta que os provedores teñan no seu poder.

3.5.2. Información de carácter privilexiado

O acceso á información de carácter privilexiado que puidesen ter os provedores rexerase polas obrigas, limitacións e prohibicións establecidas na normativa aplicable.

3.6. Uso e protección dos activos

Os provedores comprometeranse a realizar un uso responsable dos activos, recursos e calquera outro medio posto á súa disposición para o desenvolvemento da súa actividade profesional.

A este respecto, os provedores deberán respectar a propiedade intelectual e o dereito de uso que corresponde á FAO, sexa consecuencia da súa actividade profesional ou da de terceiros.

Os provedores deberán respectar igualmente os dereitos de propiedade intelectual e industrial que ostenten terceiras persoas alleas á FAO.

3.7. Transparencia e integridade da información tributaria

Os provedores terán a obriga de cumprir coa normativa tributaria aplicable e procurar unha axeitada coordinación das prácticas en materia fiscal. Sobre a base do anteriormente exposto, a actuación dos provedores en materia fiscal deberase rexer polos principios de integridade, transparencia, prudencia e eficiencia.

4. CONTROL E SUPERVISIÓN DO CUMPRIMENTO.

Todos os provedores estarán obrigados ao cumprimento do presente Código de conduta, debendo deixarse constancia por escrito da súa aceptación e do compromiso no seu desempeño profesional cos valores, principios e normas de conduta contidos nel.

Neste sentido, e para asegurar o cumprimento do presente Código, todos os provedores cun interese lexítimo poderán pór en coñecemento do Órgano de cumprimento da FAO, de boa fe, as denuncias por incumprimento ou as consultas relativas á interpretación ou aplicación do presente Código, utilizando a tal efecto calquera dos seguintes medios:

  1. Por correo electrónico a: buzonetico@faortega.org
  2. Por correo ordinario ao seguinte enderezo postal con certificado de acuse de recibo: Buzón Ético Fundación Amancio Ortega, Avenida de la Diputación S/N, C.P. 15142 Arteixo (A Coruña).
5. VIXENCIA

O presente Código de conduta foi aprobado polo Padroado da FAO, incorporándose á normativa interna desta e permanecendo vixente mentres non se aprobe a súa anulación ou modificación.

Calquera modificación do presente Código de conduta deberá contar coa aprobación do Padroado da FAO.

Voltar a parte superior da páxina