Codigo de Bo Goberno

Introdución

O Padroado da FUNDACIÓN AMANCIO ORTEGA (en adiante "FAO"), de conformidade co disposto no artigo 19.3.e dos seus Estatutos, ten a facultade de aprobar e facer efectiva a implantación daqueles códigos de bo goberno e regulamentos de réxime interior que estime oportuno co fin de asegurar o bo goberno da institución e alcanzar de forma efectiva os fins fundacionais. Ao amparo do anterior, o Padroado da FAO aprobou o presente Código de Bo Goberno, no que se establecen os valores, principios e pautas de comportamento que deben ser aplicados polos seus patróns, directivos e empregados, e que a FAO trasladará aos seus provedores e colaboradores

Obxecto Fundacional e sectores prioritarios de actuación

A FAO ten xenericamente por obxecto a promoción, fomento, desenvolvemento, execución e financiamento de todo tipo de actividades que coadxuven á difusión e extensión da cultura, da educación, da investigación, da acción social e asistencial e da ciencia en calquera das súas manifestacións.

Fundación Amancio Ortega, guiada pola experiencia e o desexo do seu fundador de contribuír á construción dunha sociedade mellor, traballa coa vontade de crear oportunidades en dous sectores clave para que as persoas desenvolvan unha vida de calidade: a Educación e o Benestar Social.

  • No ámbito educativo, esta institución pon á disposición dos beneficiarios dos seus programas recursos que lles permiten crecer e enriquecer o seu contorno a través dunha formación completa.
  • Na área asistencial, a Fundación Amancio Ortega leva a cabo tanto accións de xestión propia como colaboracións con institucións que teñen consolidado o seu labor grazas á dedicación constante en beneficio das persoas e os contornos menos favorecidos.
O órgano de goberno

Ao Padroado, como órgano de goberno e representación da Fundación, correspóndelle cumprir os fins fundacionais e administrar os bens e dereitos que integran o patrimonio da Fundación mantendo plenamente o rendemento e utilidade dos mesmos nos termos establecidos na normativa sobre fundacións.

O Padroado executará as funcións que lle corresponden con respecto ao disposto no ordenamento xurídico e nos Estatutos da Fundación. En concreto, o título CUARTO dos mencionados estatutos fai referencia detallada á súa composición, responsabilidades e funcionamento.

Na súa actuación o Padroado deberá axustarse á vontade do fundador manifestada nos Estatutos e ao preceptuado na lexislación vixente.

O Padroado estará composto por un mínimo de cinco membros. O fundador será membro nato e vitalicio do Padroado e poderá nomear outros patróns, vitalicios ou por prazo determinado.

Calquera outras persoas designadas para integrar o Padroado terán a condición de patróns electivos e exercerán o seu mandato por un período de cinco anos, podendo ser reelixidos.

Son cargos necesarios do Padroado os de presidente e secretario, pudendo existir un ou varios vicepresidentes e un vicesecretario:

  • Corresponde ao presidente do Padroado a máis alta representación da Fundación, así como o exercicio das funcións que lle recoñecen os estatutos da FAO. O fundador ostentará a Presidencia da Fundación con carácter vitalicio, pudendo designar o seu sucesor, no seu caso co mesmo carácter vitalicio, por escritura pública ou calquera forma de testar.
  • Corresponde aos vicepresidentes, pola súa orden ou, no seu defecto, ao membro do Padroado de máis idade, realizar as funcións do presidente caso de estar vacante o cargo e nos de ausencia ou enfermidade do seu titular, así como calquera outras que determine o Padroado. Se falecese o presidente sen ter designado un sucesor segundo o previsto nos estatutos, e ata que se cubra o cargo, o vicepresidente que por orde corresponda asumirá a Presidencia do Padroado.
  • Corresponde ao secretario custodiar a documentación pertencente á Fundación, levantar as actas correspondentes ás reunións do Padroado, expedir as certificacións e informes que sexan necesarios e aquelas outras funcións previstas nos estatutos ou que expresamente se lle deleguen.
  • Corresponde ao vicesecretario prestar apoio ao secretario, suplilo nos casos de enfermidade, ausencia ou vacante deste último e aquelas outras funcións previstas nos estatutos ou que expresamente se lle deleguen.

Sen prexuízo da facultade recoñecida ao Fundador, os sucesivos membros do Padroado serán designados por este a proposta do seu presidente ou de dúas terceiras partes dos seus membros, mediante acordo adoptado co voto favorable das dúas terceiras partes dos asistentes sempre que, ademais, supoña a maioría absoluta do número de membros do Padroado.

Producida unha vacante, o Padroado reunirase no prazo máximo de trinta días para designar a persoa que ocupe a mesma ou para amortizar a praza vacante, o que requirirá acordo adoptado co mesmo quórum mencionado.

O cesamento e a suspensión dos patróns da Fundación producirase polas causas establecidas na normativa reguladora das fundacións e, ademais, agás no caso dos patróns natos e dos vitalicios, polo cumprimento da idade de 68 anos. O fundador ou o Padroado mediante acordo adoptado co voto favorable das dúas terzas partes dos asistentes, sempre que, ademais, supoña a maioría absoluta do número dos seus membros, poderán acordar a suspensión ou o cesamento dos patróns electivos sen necesidade de invocar outro motivo que o interese da Fundación.

En caso de renuncia, esta será efectiva desde que se notifique ao Padroado.

O Padroado reunirase ao menos dúas veces ao ano e, ademais, tantas veces como o requira o interese da Fundación, previa convocatoria do presidente, por propia iniciativa ou a instancia da metade máis un dos seus membros. A reunión poderá celebrarse en calquera lugar de España ou do estranxeiro.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, non será precisa convocatoria previa e o Padroado quedará validamente constituído para tratar calquera asunto cando se encontren presentes todos os patróns e acorden por unanimidade a celebración da reunión e a orde do día correspondente.

As reunións do Padroado entenderanse validamente constituídas cando concorran a elas, presentes ou representados, na forma legalmente establecida, polo menos a metade mais un dos seus membros.

Salvo aqueles supostos nos que a normativa sobre fundacións ou os estatutos requiren un quórum cualificado, os acordos adoptaranse por maioría dos asistentes, e será dirimente en caso de empate o voto do seu presidente.

As deliberacións substanciais das reunións do Padroado e os acordos adoptados faranse constar en actas estendidas no correspondente libro e serán asinadas por quen tivesen actuado como presidente e secretario.

As actas poderán ser aprobadas na mesma ou na seguinte reunión do Padroado. As certificacións de tales actas e dos acordos do Padroado serán expedidas polo secretario co visto e prace do presidente ou, no seu caso, por quen os substitúan.

Se o Padroado non designase quen dos seus compoñentes teñen que executar os seus acordos, entenderase que a execución corresponde ao seu presidente.

O secretario e o vicesecretario, aínda que no teñan a condición de patróns, terán a facultade de elevar a instrumento público os acordos do Padroado.

O nomeamento dun patrón da FAO implica o cumprimento estrito dunha serie de obrigas:

  • Estar ao tanto e cumprir estritamente en todas as súas actuacións co determinado nas disposicións legais que sexan de aplicación á FAO.
  • Concorrer ás reunións do Padroado que sexan convocados cos temas a tratar preparados e participar de maneira activa nestas. Cando non podan asistir, delegar a súa representación noutra persoa á que deberán dar as instrucións oportunas.
  • Desempeñar o cargo coa dilixencia dun representante leal.
  • Manter na máis estrita confidencialidade os temas tratados así como as decisións tomadas nos Padroados.
  • Manter a independencia do Padroado, non aceptando regalos que pola súa relevancia podan comprometela e informando de calquera conflito de interese que poda xurdir.
  • Coidar a imaxe da Fundación ante a sociedade e en especial ante as institucións e organismos nas que o patrón represente a FAO, difundindo a labor e os logros fundacionais.
  • Manter o patrimonio da Fundación e revisar os estados financeiros, asegurando que a Fundación conta cos recursos adecuados para o cumprimento da súa misión.
  • Ter en conta e respectar ante calquera proposta, decisión ou actuación os fins fundacionais, os estatutos e o presente Código, así como calquera outra norma aprobada polo Padroado.

Os patróns responderán solidariamente fronte á Fundación dos danos e prexuízos que causen por actos contrarios á Lei ou aos Estatutos ou polos realizados sen a dilixencia coa que deban desempeñar o cargo. Quedarán exentos de responsabilidade quen teñan votado en contra do acordo e quen proben que, no tendo intervido na súa adopción e execución, descoñecían a súa existencia ou, coñecéndoa, fixeron todo o conveniente para evitar o dano ou, ao menos, se opuxeron expresamente a aquel.

Os patróns exercerán o seu cargo gratuitamente sen que poidan percibir retribución polo desempeño da súa función, sen perxuízo do seu dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados que o desempeño da súa función lles ocasione.

Principios reitores do goberno da FAO

Os patróns da FAO deberán orientar as súas decisións e actuacións con base nos seguintes principios reitores, que tamén deberán ser trasladados ao equipo de xestión, colaboradores e provedores:

  • O cumprimento estrito da legalidade vixente e dos principios éticos internacionalmente recoñecidos contidos na Declaración Universal de Dereitos Humanos.
  • O respecto profesional, a confianza e a colaboración mutua cara aos empregados, colaboradores e beneficiarios, rexeitando firmemente calquera tipo de acoso, conduta intimidatoria ou ofensiva para os dereitos das persoas.
  • A non discriminación algunha por raza, etnia, cor, nacionalidade, idade, sexo, estado civil, orientación sexual, ideoloxía, afiliación sindical, relixión, situación familiar, discapacidade ou calquera outro tipo de condición dos seus empregados.
  • A transparencia á hora de informar sobre as actividades da Fundación e das súas fontes de financiamento.
  • A avaliación constante dos recursos e inversións da FAO para asegurar a viabilidade e máxima eficacia no funcionamento da institución e na execución de todas as súas actuacións planificadas.
  • A independencia institucional, baseando a toma de decisións e actuacións en velar obxectivamente polos intereses da FAO e non polos persoais. Deberase evitar ademais calquera conflito de interese.
  • A solidariedade, fomentando o intercambio de coñecemento e proximidade entre as persoas; contribuíndo ao traballo conxunto, á participación e á responsabilidade.
  • A compresión das necesidades e ilusións dos máis, traducíndoas nunha aproximacións aos valores sociais compartidos nun saudable e xeneroso compañeirismo.
  • O compromiso por conseguir o mellor de cada un, a través da constancia e o esmero.
  • A laboriosidade e a dedicación á hora de aportar algo novo aos máis con tenacidade, entusiasmo e firmeza.
  • A autenticidade, asumindo con humildade e honradez, as propias limitacións.
Relacións con grupos de interese
Relación con doantes

Naqueles casos nos que a FAO reciba e acepte doazóns, o Padroado e a Dirección veranse obrigados a ser transparentes cos seus doantes, asegurando que as súas achegas van destinadas aos fins que se teñen acordado e atendendo, no menor prazo de tempo posible, calquera petición de información relacionada co destino dos seus fondos.

Así mesmo, respectarase o dereito á confidencialidade dos doantes, mantendo o seu anonimato e non revelando información acerca dos mesmos agás todos aqueles datos requiridos para o cumprimento das obrigas legais, e en especial daquelas relacionadas coa prevención de branqueo de capitais.

Relación con voluntarios

Naqueles casos nos que a FAO incorpore voluntarios, a participación destes será altruísta e conforme coa lexislación vixente.

A participación estará condicionada á sinatura dun Compromiso de Voluntariado no que se definirán as funcións, dereitos e obrigas dos voluntarios. Unha vez asinado, a FAO comprometerase a formar os voluntarios e subscribirá para estes un seguro de voluntariado que cubrirá calquera risco de accidente e enfermidade no exercicio da actividade voluntaria, así como a responsabilidade civil por danos causados a terceiros que puidese ser esixida ao voluntario ou á FAO.

Relación con empregados

A FAO promove o desenvolvemento profesional dos seus empregados e ofrece igualdade de oportunidades no desenvolvemento da carreira profesional dos mesmos. Neste sentido, a FAO aplica altos estándares éticos en todos os procesos de contratación (sexa de persoal interno, sexa de terceiros).

A FAO pon a disposición dos empregados medios suficientes para o desenvolvemento da súa actividade. Así mesmo, a FAO adopta as medidas preventivas establecidas na lexislación aplicable para garantir a seguridade e a saúde dos seus empregados.

Información e publicidade

Anualmente, os responsables da FAO reportarán ao Protectorado as súas contas anuais e o seu plan de actuación.

Ademais, a través da páxina web da FAO con URL www.faortega.org, a institución dará a coñecer á cidadanía os seus proxectos, colaboracións e beneficiarios, así como as súas contas anuais. Neste mesmo medio tamén se manterán actualizados os fins fundacionais, estatutos e a información acerca do Padroado e do bo goberno recollida no presente documento.

Control e auditoría de contas

O Padroado da FAO contará cun Código de Conduta para a realización de inversións financeiras temporais e implantará mecanismos internos de control financeiro que velarán pola preservación do patrimonio fundacional guiándose polos principios de coherencia, seguridade, liquidez, diversificación, austeridade, rendibilidade e transparencia.

Controlarase tamén a efectividade das inversións realizadas a través da implantación de indicadores de impacto social e resultados efectivos de cada proxecto ou actuación. No caso das doazóns a beneficiarios, implantaranse mecanismos para controlar a correcta aplicación dos recursos económicos ou materiais doados aos fins acordados.

As contas anuais serán sometidas a unha auditoría externa.

Avaliación do desempeño

Anualmente, o Padroado avaliará o desempeño da FAO baseándose non só no cumprimento dos obxectivos e a utilización dos recursos da Fundación, senón tamén no compromiso, dedicación, creatividade, innovación, control da organización e dos seus recursos humanos e satisfacción de beneficiarios.

Vixencia

O presente Código incorporarase á normativa interna da FAO, permanecendo vixente en tanto non se aprobe a súa anulación ou modificación.

Calquera tipo de modificación do presente Código deberá contar coa aprobación do Padroado da FAO.

Aceptación e cumprimento

Todos os membros do Padroado están obrigados ao cumprimento do presente Código de Bo Goberno, debendo deixarse constancia por escrito da súa aceptación e compromiso no seu desempeño profesional dos valores, principios e normas de conduta contidos no mesmo.

O incumprimento do Código de Bo Goberno compromete a reputación e imaxe corporativa da Fundación, polo que todos os patróns están obrigados a pór en coñecemento do presidente, o no seu defecto dun dos vicepresidentes, calquera actuación da que tivesen coñecemento que contraviñese ou puidese contravir o Código co obxectivo de adoptar as actuacións que correspondan fronte ao citado incumprimento.

Voltar a parte superior da páxina