Programa de Bolsas

Área educativa

CANCELACIÓN DA EDICIÓN 2020-2021 DO PROGRAMA DE BOLSAS DE ESTUDO DA FUNDACIÓN AMANCIO ORTEGA GAONA
A Coruña, 29 de abril de 2020

Todas as previsións manexadas polo Programa de Bolsas de Estudo da Fundación Amancio Ortega Gaona dende a posta en marcha da presente edición do Programa de Bolsas víronse superadas polos acontecementos derivados da extensión a nivel mundial da pandemia do Covid-19. A pesar do intenso traballo desenvolvido nas últimas semanas, nas actuais circunstancias non é posible levar a cabo as xestións necesarias para garantir o desenvolvemento do próximo curso académico en Estados Unidos e Canadá.

As distintas xestións de tramitación de expedientes, necesarias para a realización do ano académico, estanse a ver afectadas por circunstancias como a paralización dos trámites de concesión de visados, a imposibilidade de coñecer os termos nos que se desenvolverá o vindeiro curso académico en ámbolos países, a dificultade na identificación e a selección de familias de acollida, procesos que se atopan practicamente paralizados nestes momentos, así como as limitacións á mobilidade internacional de cidadáns. Pero máis aló destas dificultades, neste momento non se pode asegurar que as condicións de saúde e seguridade dos nosos bolseiros nos países de destino poidan manterse en niveis axeitados no período comprendido entre agosto de 2020 e xuño de 2021.

Por todo o anterior, decidiuse cancelar a edición 2020-21 do Programa de Bolsas de Estudo da Fundación Amancio Ortega Gaona por causa de forza maior. Como consecuencia de dita cancelación, transmitíuselle aos estudantes seleccionados a necesidade de proceder á matrícula correspondente a Primeiro de Bacharelato no centro da súa elección para garantir a continuidade dos seus estudos o vindeiro curso.

O Programa de Bolsas de Estudo da Fundación Amancio Ortega Gaona agradece a todas as persoas vinculadas a esta iniciativa a colaboración e a comprensión amosada nestes difíciles momentos.

O Programa de Bolsas da Fundación Amancio Ortega selecciona cada ano a 600 alumnos de 4º de ESO de centros educativos de toda España para cursar 1º de Bacharelato en Estados Unidos e Canadá. Dende o seu inicio no ano 2010, o Programa pretende proporcionar aos mozos participantes non só o dominio do idioma inglés, senón tamén ferramentas que lles axuden a incrementar a súa capacidade para adaptarse a novos ambientes sociais e culturais.

Para favorecer unha inmersión completa nos países de destino —ambos con ampla experiencia na acollida de estudantes internacionais— e impulsar a aprendizaxe do inglés, os 600 bolseiros que participan cada ano no programa conviven cunha familia anfitrioa e acoden a centros educativos locais. A idade de 15-16 anos resulta ideal para a absorción de coñecementos e experiencias vitais, ao mesmo tempo que garante a responsabilidade e autonomía suficientes para unha integración total.

Na actualidade, son xa máis de 3.000 os estudantes que formaron parte do Programa de Bolsas da Fundación Amancio Ortega.

Ficha técnica
Data de inicio
2010
Bolseiros por edición
600 (dende o curso 2019/2020)
Bolseiros ata 2019
2.925
Solicitudes recibidas
10.016 na última edición (curso 2019/2020)
Investimento anual (dende o curso 2016/2017)
12 millóns de €
Investimento acumulado ata 2019
53 millóns de €
Voltar a parte superior da páxina