Programa de apoio á oncoloxía pública

Área social

Dende o entendemento de que a saúde é un dereito fundamental e que a sanidade pública é un dos pilares básicos do noso estado de benestar, a Fundación Amancio Ortega desenvolve, dende o ano 2015, un programa de apoio á renovación do equipamento tecnolóxico nos hospitais públicos, concretamente na área de diagnóstico e tratamento radioterápico do cancro. O programa iniciouse en Galicia e Andalucía en outubro de 2015 e maio de 2016 respectivamente. Nos primeiros meses de 2017, estendeuse ao resto das comunidades autónomas. Cada unha das consellerías de sanidade definiu os equipamentos concretos que adquirir de acordo cos seus propios plans estratéxicos de modernización e renovación tecnolóxica e a adquisición realízase mediante procedementos administrativos públicos. Cunha dotación global de máis de 300 millóns de euros, esta intervención da Fundación Amancio Ortega vai permitir a instalación de tres centenares de equipos de última xeración coas máximas prestacións dispoñibles no mercado.

A incorporación destes novos aparatos, como mamógrafos dixitais con tomosíntese e aceleradores lineais avanzados, repercute directamente na calidade de vida dos usuarios da sanidade pública, xa que permiten realizar diagnósticos máis precisos e proporcionar aos pacientes tratamentos máis eficaces, menos agresivos e de menor duración. Ademais de con todas as comunidades autónomas de España, a Fundación Amancio Ortega asinou en 2017 un convenio similar con Ingesa, o organismo público dependente do Ministerio de Sanidade, Asuntos Sociais e Igualdade que ten as competencias dos servizos sanitarios de Ceuta e Melilla, acordo que inclúe tamén equipos destinados ao Centro Nacional de Dosimetría, institución responsable de garantir a seguridade dos profesionais sanitarios públicos expostos a radiacións.

Ficha técnica
Data de inicio
2015
Data de fin
2021
Tipo de equipamiento
Equipos de detección e diagnóstico (mamógrafos dixitais, resonancias magnéticas e TAC) e equipos de tratamento (aceleradores lineais e equipos de braquiterapia)
Núm. casos de cancro anuais detectados
+ de 200.000, dos que un 60 % precisa tratamento por radioterapia
Investimento estimado
310 millóns de €
Voltar a parte superior da páxina