Estatutos e códigos

Estatutos

Estatutos

TÍTULO PRIMEIRO. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- Denominación e natureza.

Ao amparo do dereito recoñecido no artigo 34.1 da Constitución Española e de acordo co artigo 27-26° do Estatuto de Autonomía para Galicia, constitúese a «FUNDACIÓN AMANCIO ORTEGA GAONA», sen ánimo de lucro, cuxo patrimonio está afectado de xeito duradeiro á realización dos fins de interese xeral propios da Institución.


Artigo 2.- Personalidade e capacidade.

A Fundación constituída, unha vez inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, suxeita ao establecido no ordenamento xurídico.


Artigo 3.- Réxime xurídico.

A Fundación rexerase pola vontade do Fundador, manifestada nestes Estatutos e na escritura fundacional, pola normativa de Galicia sobre as Fundacións de Interese Galego y, no que resulte aplicable, pola lexislación estatal sobre Fundacións e Incentivos Fiscais á Participación Privada en Actividades de Interese Xeral.


Artigo 4.- Domicilio.

  1. O domicilio da Fundación radicará en Cantón Grande n° 4, 15003 - A Coruña.
  2. O Padroado poderá cambiar de domicilio, con inmediata comunicación ao Protectorado, na forma prevista na normativa sobre fundacións.


Artigo 5.- Ámbito de actuación.

O ámbito territorial no que a Fundación desenvolverá as súas actividades non se limita ao da Comunidade Autónoma de Galicia, senón que se estende a todo o Estado español e ao estranxeiro.


TÍTULO SEGUNDO. OBXECTO DA FUNDACIÓN


Artigo 6.- Obxecto e finalidade.

  1. A FUNDACIÓN AMANCIO ORTEGA GAONA ten xenericamente por obxecto a promoción, fomento, desenvolvemento, execución e financiamento de todo tipo de actividades que coadxuven á difusión e extensión da cultura, da educación, da investigación, da acción social e asistencial e da ciencia en calquera das súas manifestacións.
  2. No desenvolvemento desde obxecto, a Fundación poderá levar a cabo as seguintes actividades:
    1. A investigación e o estudo, tanto na súa fase especulativa como na da técnica aplicada, de todas as ciencias, as letras e as artes.
    2. A investigación e o fomento dos medios que contribúan a mellorar a formación laboral, profesional e empresarial para o desenvolvemento da industria e do comercio, así como a promover novas vocacións empresariais.
    3. A investigación e o fomento de novas tecnoloxías e a súa aplicación ao mundo industrial e comercial.
    4. A cooperación con persoas, organizacións e institucións que destaquen pola súa contribución ao logro dos fins propios da Fundación.
    5. A concesión de bolsas, bolsas de estudo e calquera outra axuda económica similar para a promoción de estudos e actividades relacionados co obxecto fundacional, esencialmente en favor de persoas, organizacións e institucións con insuficiencia de medios económicos pero con dotes intelectuais destacadas.
    6. A concesión de premios ás persoas, organizacións e institucións que destacaran no mundo da cultura e da ciencia.
    7. A organización de cursos, conferencias, congresos, sesións de estudo e de investigación e outros actos similares sobre temas relacionados co obxecto fundacional.
    8. A edición e divulgación de toda clase de publicacións relacionadas co cumprimento do obxecto fundacional.
    9. Outros medios que permitan á Fundación o mellor cumprimento dos seus fins, tendo en conta que o Padroado, atendidas as circunstancias de cada época, tempo e lugar, poderá desenvolver, con plena liberdade de elección dentro dos fins e o interese da Fundación, as actividades mencionadas ou aquelas que, directa ou indirectamente, se relacionen cos principios e o espírito que inspiran a Fundación.
  3. A anterior enunciación das actividades da Fundación, ademais de non ter carácter limitativo, non leva a obrigatoriedade de atender a todas ni orden de prelación entre elas.


TÍTULO TERCEIRO. REGRAS BÁSICAS PARA A APLICACIÓN DOS RECURSOS AO CUMPRIMENTO DAS FINS FUNDACIONAIS E PARA A DETERMINACIÓN DOS BENEFICIARIOS

Artigo 7.- Destino das rendas e ingresos.

O Padroado, respectando os límites que estableza a lexislación aplicable en cada momento, determinará a porcentaxe das rendas, ou outros ingresos netos da Fundación, que se destinarán á realización dos fins fundacionais, debendo aplicarse o resto, deducidos os gastos de administración, a incrementar a dotación fundacional.


Artigo 8.- Selección de beneficiarios.

  1. Poden ser beneficiarios da Fundación as persoas físicas ou xurídicas, españolas ou estranxeiras.
  2. A Fundación dará información pública suficiente dos seus fins e actividades para que poidan ser coñecidos polos posibles beneficiarios e demais interesados.
  3. O Padroado, ou a persoa na que este delegue, designará os beneficiarios concretos valorando a concorrencia en cada posible beneficiario dos principios de mérito e capacidade apreciados con criterios de imparcialidade, obxectividade e non discriminación.
  4. Ninguén poderá alegar nin individual nin colectivamente ante a Fundación dereito algún ao goce dos seus beneficios, nin impoñer a súa atribución a persoas determinadas.


TÍTULO CUARTO. GOBERNO DA FUNDACIÓN


Artigo 9.- Natureza do Padroado.

O Padroado é o órgano de goberno e representación da Fundación e exercerá as funcións que lle corresponden, suxeito ao disposto no ordenamento xurídico e nos presentes Estatutos.


Artigo 10.- Composición do Padroado e duración do mandato.

  1. O Padroado estará composto por un mínimo de cinco membros.
  2. O fundador será membro nato e vitalicio do Padroado e poderá nomear a outros patróns, vitalicios ou por prazo determinado.
  3. As demais persoas designadas para integrar o Padroado terán a condición de patróns electivos, exercerán o seu mandato por un período de cinco anos e poderán ser reelixidos.
  4. O primeiro Padroado comezará a exercer as súas funcións dende o momento mesmo da aceptación dos cargos por parte dos seus titulares, que poderán ser designados por un período de tempo inferior a cinco anos de forma que se prevexa a renovación do órgano pola metade aos tres anos da súa constitución.


Artigo 11.- Nomeamento de novo cargo de patrón e substitución

  1. Sen prexuízo da facultade recoñecida ao Fundador no artigo anterior, os sucesivos membros do Padroado serán designados por este se o propoñen o seu Presidente ou dúas terceiras partes dos seus membros, mediante acordo adoptado co voto favorable das dúas terceiras partes dos asistentes, sempre que, ademais, supoña a maioría absoluta do número de membros do Padroado.
  2. Producida unha vacante, o Padroado reunirase nun prazo máximo de trinta días para designar a persoa que a ocupe ou para amortizar a praza vacante, o que requirirá acordo adoptado co mesmo quórum previsto no apartado anterior

Artigo 12.- Cese, suspensión e renuncia de patróns.

  1. O cese e a suspensión dos patróns da Fundación producirase polas causas establecidas na normativa reguladora das fundacións. O fundador ou o Padroado, mediante acordo adoptado co voto favorable das dúas terceiras partes dos asistentes, sempre que, ademais, supoña a maioría absoluta do número dos seus membros, poderán acordar a suspensión ou o cese dos patróns electivos sen necesidade de invocar outro motivo distinto ao interese da Fundación.
  2. A renuncia será efectiva dende que se notifique ao Padroado e deberase facer na forma prevista para a aceptación do cargo de patrón.


Artigo 13.- Organización do Padroado.

Son cargos necesarios do Padroado os de Presidente e Secretario, podendo existir un ou máis Vicepresidentes e un Vicesecretario.


Artigo 14.- O Presidente.

  1. Corresponde ao Presidente do Padroado a máis alta representación da Fundación, así como o exercicio das funcións que lle recoñece a normativa sobre fundacións e, en concreto, das seguintes:
    1. Convoca as reunións do Padroado.
    2. Preside as reunións e dirixe as deliberacións, concedendo ou denegando o uso da palabra e decidindo os empates que se produzan con voto de calidade.
    3. Executa ou ordena executar os acordos, podendo a tal efecto realizar toda clase de actos e asinar aqueles documentos, públicos ou privados, necesarios a tal fin.
    4. Ostenta a representación institucional da Fundación ante toda clase de persoas, entidades, autoridades, organismos e administracións públicas.
    5. En xeral, dirixe a Fundación, adoptando as medidas que estime pertinentes para que se poidan cumprir os fins que ten asignados.
    6. Calquera outra facultade recoñecida nestes estatutos.
  2. O fundador ostentará a presidencia da Fundación con carácter vitalicio, podendo designar ao seu sucesor, no seu caso co mesmo carácter vitalicio, por escritura pública ou calquera forma de testar. Salvo que se dispuxera outra cousa no seu nomeamento, os Presidentes nomeados con carácter vitalicio terán idéntica facultade de designar ou seu sucesor, no seu caso co mesmo carácter vitalicio, sempre por escritura pública ou calquera forma de testar. Se o fundador ou os sucesivos Presidentes vitalicios do Padroado renunciaran á presidencia, poderán seguir mantendo a súa condición de patróns con carácter vitalicio ou polo prazo polo que foran nomeados.
  3. Se non se cumprise a previsión contida no apartado anterior de modo que o Presidente faleza sen designar un sucesor, o Padroado reunirase no prazo máximo de trinta días e designará un novo Presidente mediante acordo adoptado co voto favorable das dúas terceiras partes dos asistentes, sempre que, ademais, supoña a maioría absoluta do número de membros do Padroado.


Artigo 15.- Os Vicepresidentes.

  1. Poderán nomearse un ou máis Vicepresidentes (numerados ordinalmente).
  2. Serán Vicepresidentes as persoas que, no seu caso, designe o fundador ou, no seu defecto, o Padroado, de entre os seus membros, mediante acordo adoptado co voto favorable das dúas terceiras partes dos asistentes, sempre que, ademais, supoña a maioría absoluta do número de membros do Padroado.
  3. Corresponde aos Vicepresidentes, pola súa orde, ou, no seu defecto, ao membro do Padroado de máis idade, realizar as funcións do Presidente en caso de estar vacante o cargo e nos de ausencia ou enfermidade do seu titular, así como outras funcións que determine o Padroado. Se falecese o Presidente sen ter designado un sucesor segundo o previsto no artigo 14, e ata que se cubra o cargo, o Vicepresidente que por orde corresponda asumirá a Presidencia do Padroado.

Artigo 16.- O Secretario.

  1. O Secretario poderá ter ou non a condición de patrón, tendo neste último caso voz pero non voto, e será designado polo fundador ou, no seu defecto, polo Padroado, mediante acordo adoptado co voto favorable das dúas terceiras partes dos asistentes, sempre que, ademais, supoña a maioría absoluta do número de membros do Padroado.
  2. Corresponde ao Secretario custodiar a documentación pertencente á Fundación, levantar as actas correspondentes ás reunións do Padroado, expedir as certificacións e informes que sexan necesarios e aquelas outras funcións previstas nestes estatutos ou que expresamente se lle deleguen.


Artigo 17.- O Vicesecretario.

  1. O Vicesecretario poderá ter ou non a condición de patrón, tendo neste último caso voz pero non voto, e será designado polo fundador ou, no seu defecto, polo Padroado, mediante acordo adoptado co voto favorable das dúas terceiras partes dos asistentes, sempre que, ademais, supoña a maioría absoluta do número de membros do Padroado.
  2. Corresponde ao Vicesecretario prestar apoio ao Secretario, suplilo nos casos de enfermidade, ausencia ou vacante deste último e aquelas outras funcións previstas nestes estatutos ou que expresamente se lle deleguen.

Artigo 18.- O Director xeral.

A xerencia e administración da Fundación corresponden ao Director xeral, nomeado polo Padroado, que lle outorgará poder suficiente para o exercicio das funcións propias do seu cargo.

Artigo 19.- Facultades do Padroado.

  1. Ao Padroado, como órgano de goberno e representación da Fundación, correspóndelle cumprir os fins fundacionais e administrar os bens e dereitos que integran o patrimonio da Fundación mantendo plenamente o rendemento e utilidade destes nos termos establecidos na normativa sobre fundacións.
  2. Na súa actuación, o Padroado deberase axustar á vontade do fundador manifestada nestes Estatutos e ao preceptuado na lexislación vixente.
  3. No exercicio desas funcións, ademais do disposto noutros artigos destes estatutos e sen prexuízo de realizar, no seu caso, as preceptivas comunicacións ou solicitudes de autorización ao Protectorado, ostenta, a título meramente enunciativo, as seguintes atribucións e facultades:
    1. A administración, alleación e gravame dos bens e dereitos que integran o patrimonio da Fundación, garantindo o destino efectivo do patrimonio e das súas rendas aos fins fundacionais.
    2. A alta inspección, vixilancia e orientación da labor da Fundación, formulando os plans de xestión e os programas periódicos da súa actuación.
    3. A constitución e designación dun ou máis Comités especiais ou asesores, coa composición e facultades que xulgue convenientes.
    4. A interpretación, desenvolvemento e modificación no seu caso dos presentes estatutos, de acordo co procedemento legalmente establecido e procurando en todo caso o mellor cumprimento da vontade fundacional.
    5. A aprobación dos códigos de bo goberno e regulamentos de réxime interior que estime oportuno, incluído o código de conduta para a realización de inversións financeiras temporais.
    6. A elaboración e aprobación da documentación orzamentaria, financeira e contable esixida pola lexislación vixente e a súa presentación ao Protectorado dentro dos prazos regulamentarios.
    7. O nomeamento, separación e retribución do persoal directivo, técnico, administrativo e subalterno da Fundación, a determinación dos seus dereitos, responsabilidades e obrigas e o exercicio da potestade disciplinaria..
    8. A determinación dos criterios xerais para a distribución e aplicación dos fondos dispoñibles entre as finalidades da Fundación.
    9. A fixación e adxudicación das prestacións fundacionais e a selección dos beneficiario concretos.
    10. O exercicio dos dereitos de carácter político e económico que correspondan á Fundación como titular de accións, participacións e demais valores da súa pertenza e, en tal sentido, concorrer, deliberar e votar, no sentido máis favorable ao cumprimento da vontade fundacional, mediante a representación que acorde, nas Xuntas xerais e demais órganos das respectivas sociedades ou entidades emisoras, facendo uso das facultades xurídicas atribuídas ao respectivo titular, concertando, outorgando e subscribindo os actos, contratos, convenios, proposicións e documentos que xulgue convenientes
    11. A representación da Fundación e, en consecuencia, comparecer e actuar no seu nome perante toda clase de persoas, autoridades, organismos e administracións públicas, formulando pretensións, incoando e seguindo expedientes e interpoñendo reclamacións e recursos, así como igualmente ante toda clase de xulgados e tribunais de calquera xurisdición, tanto activa como pasivamente, exercitando todo tipo de pretensións, accións, excepcións e recursos, ou desistindo deles, ben directamente, ben por medio de avogados e procuradores aos que poderá conferir os oportunos poderes, transixir e someter a arbitraxe os intereses xudiciais e extraxudiciais da Fundación.
    12. A realización de toda clase de actos e operacións propios da xestión económica e financeira da Fundación e, entre eles: abrir e cancelar contas correntes, de crédito e de aforro ou depósitos en calquera entidade de crédito e aforro facendo todo canto a lexislación e a práctica bancaria permitan. Dar e tomar diñeiro a préstamo ou crédito, librar, aceptar, endosar, intervir e protestar letras de cambio e demais documentos de xiro e tráfico. En xeral, reclamar e realizar pagamentos e cobros de cantidades e determinar a inversión dos fondos dispoñibles da Fundación, constituír fianzas e garantías mediante aval ou por calquera outro medio admitido en dereito.
    13. A delegación das súas facultades nun ou máis dos seus membros, excepto as legalmente indelegables e o nomeamento de apoderados xerais ou especiais, así como a modificación ou revogación das delegacións e apoderamentos conferidos. A designación, en cada caso, do patrón ou patróns que haxa de proceder á execución dos acordos adoptados.
    14. O outorgamento e sinatura de todos os documentos públicos e privados que esixa o exercicio das facultades anteriores.
  4. IEn todo caso, as atribucións e facultades anteriormente relacionadas non implican limitación nin substitución das competencias que a normativa sobre fundacións atribúe ao Protectorado, especialmente no relativo ás autorizacións que sexan preceptivas ás que a Fundación expresamente se somete.


Artigo 20.- Convocatoria e quórum das reunións do Padroado.

  1. O Padroado reunirase cando menos dúas veces ao ano e, ademais, tantas veces como o requira o interese da Fundación, previa convocatoria do Presidente, por propia iniciativa ou a instancia da metade máis un dos seus membros. A reunión poderase celebrar en calquera lugar de España ou do estranxeiro.
  2. A convocatoria conterá a orde do día, así como lugar, día e hora de celebración da reunión, e farase chegar por escrito a cada un dos membros cun mínimo de tres días hábiles de antelación con respecto á data da súa celebración. En caso de urxencia expresamente declarada no escrito de convocatoria, poderase reducir este prazo.
  3. A pesar do disposto no parágrafo anterior, non será precisa convocatoria previa e o Padroado quedará validamente constituído para tratar calquera asunto cando estean presentes todos os patróns e acorden por unanimidade a celebración da reunión e a orde do día correspondente.


Artigo 21.- Forma de deliberar e adoptar acordos.

  1. As reunións do Padroado entenderanse validamente constituídas cando concorran a elas, presentes ou representados, na forma legalmente establecida, cando menos a metade máis un dos seus membros.
  2. Salvo aqueles supostos nos que a normativa sobre fundacións ou estes estatutos requiran un quórum cualificado, os acordos adoptaranse por maioría dos asistentes e será dirimente en caso de empate o voto do seu presidente.
  3. As deliberacións substanciais das reunións do Padroado e os acordos adoptados faranse constar en actas estendidas no correspondente libro e serán asinadas polos que actuaran como Presidente e Secretario.
  4. As actas poderanse aprobar na mesma reunión do Padroado ou na seguinte. As certificacións desas actas e dos acordos do Padroado serán expedidas polo Secretario co visto e prace do Presidente ou, no seu caso, polos que o substitúan.
  5. Se o Padroado non designase a aqueles dos seus compoñentes que deberán executar os seus acordos, entenderase que a execución corresponde ao seu Presidente.
  6. O Secretario e o Vicesecretario, aínda que non teñan a condición de Patróns, terán a facultade de elevar a instrumento público os acordos do Padroado.


Artigo 22.- Responsabilidade e gratuidade do cargo de Patrón.

  1. Entre outras, son obrigas dos Patróns facer que se cumpran os fins da Fundación, concorrer ás reunións ás que sexan convocados, desempeñar o cargo coa dilixencia dun representante leal, manter en bo estado de conservación e produción o patrimonio da Fundación e cumprir nas súas actuacións coo determinado nas disposicións legais vixentes e nos presentes Estatutos.
  2. Os patróns responderán solidariamente perante á Fundación polos danos e prexuízos que causen por actos contrarios á Lei ou aos Estatutos ou polos realizados sen a dilixencia coa que deban desempeñar o cargo. Quedarán exentos de responsabilidade os que votaran en contra do acordo e os que proben que, non tendo intervido na súa adopción e execución, descoñecían a súa existencia ou, coñecéndoa, fixeron todo o conveniente para evitar o dano ou, cando menos, se opuxeron expresamente a aquel.
  3. Os patróns exercerán o seu cargo gratuitamente sen poder percibir retribución polo desempeño da súa función, sen prexuízo do seu dereito a ser reembolsados polos gastos debidamente xustificados que o desempeño da súa función lles ocasione.



TÍTULO QUINTO. RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 23.- Patrimonio fundacional

  1. O patrimonio da Fundación poderá estar constituído por toda clase de bens e dereitos susceptibles de valoración económica, radicados en calquera punto do territorio nacional ou do estranxeiro. A súa adquisición, administración e disposición corresponde ao Padroado, de acordo cos presentes estatutos e suxeito ao disposto na normativa sobre fundacións.
  2. Todos os bens e dereitos da Fundación deberán figurar ao seu nome, constar nos seus inventarios e, os que sexan susceptibles de inscrición, inscribirse nos rexistros correspondentes, consignando en todo caso os datos e circunstancias precisos para a súa identificación e descrición. Os fondos públicos e valores depositaranse a nome da Fundación nos establecementos financeiros que designe o Padroado.


Artigo 24.- Criterios de administración do patrimonio fundacional.

  1. O Padroado poderá realizar a adquisición de bens tanto a título oneroso como gratuíto, sen máis limitacións que as establecidas na normativa sobre fundacións e nestes estatutos. En particular, o efectivo da Fundación poderá ser invertido nos bens e dereitos que o Padroado acorde.
  2. O Padroado poderá dispoñer dos bens da Fundación a título gratuíto, só para o cumprimento directo dos fines fundacionais e previo acordo adoptado co voto favorable das dúas terceiras partes dos membros asistentes, sempre que, ademais, supoña a maioría absoluta do número dos seus membros.
  3. A alleación a título oneroso dos bens inmobles da Fundación destinados con carácter permanente ao cumprimento directo dos seus fins poderase realizar previo acordo do Padroado adoptado coa maioría prevista no parágrafo anterior.
  4. O patrimonio da Fundación será administrado da forma máis axeitada para obter os rendementos que permitan realizar as inversións necesarias para o cumprimento da vontade fundacional, procurando o mantemento da integridade do patrimonio inicial e das sucesivas achegas.
  5. O Padroado poderá, en todo momento e cantas veces sexa preciso, a teor do que aconsellen as circunstancias económicas concorrentes, efectuar as modificacións que estime necesarias ou convenientes nas inversións do patrimonio fundacional, previo cumprimento dos requisitos que en cada caso sexan procedentes.
  6. En particular, cando as entidades titulares de valores que integren o patrimonio fundacional aumenten o seu capital social atribuíndo aos partícipes dereitos de subscrición preferente, a Fundación, con obxecto de manter a integridade e o valor real do seu patrimonio, subscribirá os valores representativos do aumento, de non mediar causas excepcionais apreciadas expresamente en acordo do Padroado adoptado co voto favorable das dúas terceiras partes dos membros asistentes, sempre que, ademais, supoña a maioría absoluta do número dos seus membros.

Artigo 25.- Adscrición do patrimonio fundacional.

  1. Os bens e dereitos que conforman o patrimonio, así como as rendas que produzan na porcentaxe que estableza a lexislación vixente, quedarán afectos e adscritos de forma directa e inmediata, sen interposición de persoa, autoridade ou organismo algún, ao cumprimento dos fins da Fundación
  2. A adscrición do patrimonio fundacional á realización dos fins fundacionais ten carácter común e indiviso, sen asignación de partes ou cotas, iguais ou desiguais, do patrimonio e rendas fundacionais a cada un deles. En consecuencia, a Fundación non poderá ser obrigada a dividir nin distribuír o seu patrimonio ou rendas entre os distintos obxectivos que persiga, nin a aplicalos a un ou varios determinados.

Artigo 26.- Do Financiamento.

Para o desenvolvemento das súas actividades, a Fundación financiarase cos recursos que proveñan de:

  1. A dotación fundacional e as achegas que se realicen.
  2. Os rendementos do seu patrimonio.
  3. O produto da venda dos bens propios.
  4. As cantidades que poida percibir polas actividades e servizos prestados aos seus beneficiarios, na forma e cos requisitos e limitacións establecidos na normativa sobre fundacións.
  5. As doazóns, herdanzas, legados e calquera outra disposición inter vivos ou mortis causa que reciba.
  6. As axudas e subvencións de calquera natureza que puidera percibir.
  7. Outros bens ou dereitos e, en xeral, todos outros recursos que a Fundación se poida procurar como titular do seu patrimonio, de conformidade co ordenamento xurídico.

Artigo 27.- Xestión económico-financeira.

  1. A xestión económico-financeira da Fundación respectará os principios e criterios xerais establecidos na lexislación aplicable e axustarase estritamente ao disposto na vixente normativa sobre fundacións.
  2. En consecuencia, a Fundación levará aqueles libros que sexan obrigatorios e os que considere convenientes para a orde e bo desenvolvemento das súas actividades, así como para o axeitado control da súa contabilidade, de modo que esta documentación reflicta en todo momento, con claridade e exactitude, a situación económica, financeira e patrimonial da Fundación, o desenvolvemento das súas actividades e o grao de cumprimento dos fins fundacionais.

Artigo 28.- Plan de actuación e contas anuais.

  1. O Padroado elaborará e remitirá ao Protectorado, nos últimos tres meses de cada exercicio, un plan de actuación, no que queden reflectidos os obxectivos, as actividades que prevexa desenvolver durante o exercicio seguinte, unha previsión das partidas de ingresos e gastos calculados e unha memoria explicativa do referido plan de actuación.
  2. Concluído cada exercicio económico, as contas anuais serán formuladas polo Director xeral e aprobadas polo Padroado dentro do prazo establecido pola vixente normativa sobre fundacións.
  3. En todo caso, a documentación citada elaborarase con suxeición ao disposto na normativa sobre fundacións e remitirase ao Protectorado cando así o esixa esa normativa e no prazo por esta establecido.
  4. No seu caso, someteranse a auditoría externa as contas da Fundación, nos supostos e coa periodicidade que a normativa vixente sinale

Artigo 29.- Exercicio económico.

O exercicio económico da Fundación iniciarase o 1 de xaneiro e rematará o 31 de decembro de cada ano.



TÍTULO SEXTO. MODIFICACIÓN, FUSIÓN, ESCISIÓN E EXTINCIÓN



Artigo 30.- Modificación dos estatutos. Fusión e escisión da Fundación.

  1. A modificación dos estatutos fundacionais requirirá, ademais do cumprimento dos requisitos establecidos na normativa vixente sobre fundacións, o acordo do Padroado adoptado co voto favorable do Presidente, mentres o sexa o Fundador, e o das dúas terceiras partes dos membros asistentes, sempre que, ademais, supoñan a maioría absoluta do número dos seus membros.
  2. A fusión e escisión da Fundación, ademais do previo cumprimento dos requisitos establecidos na normativa vixente sobre fundacións, requirirá:
    1. A tramitación dun expediente no que se acredite suficientemente que a fusión ou escisión é conveniente para o mellor cumprimento da vontade do fundador e dos fins fundacionais.
    2. O acordo do Padroado, adoptado co voto favorable do Presidente, mentres o sexa o Fundador, e o das dúas terceiras partes dos membros asistentes, sempre que, ademais, supoñan a maioría absoluta do número dos seus membros.


Artigo 31.- Extinción.

A Fundación extinguirase polas causas e previo cumprimento dos requisitos establecidos na normativa vixente sobre fundacións. O acordo do Padroado deberá ser adoptado, en todo caso, co voto favorable do Presidente, mentres o sexa o Fundador, e o das tres cuartas partes dos membros asistentes, sempre que, ademais, supoñan a maioría absoluta do número dos seus membros.


Artigo 32.- Liquidación e adxudicación do patrimonio.

En caso de extinción da Fundación, darase aos bens fundacionais o destino que o Padroado determine, de acordo co establecido na normativa vixente sobre fundacións. As entidades destinatarias dos bens deberán ser algunhas das mencionadas no primeiro parágrafo do artigo 3.6 da Lei 49/2002.